Podedes ver 3 presentacións sobre a destrucción do castro da Atalaia feitas por Manolo Miranda:
Para ver as outras dúas presentacións, pincha nos seguintes enlaces:
http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-2/
http://www.slideshare.net/CastroAtalaia/castro-da-atalaia-3/
Que se denuncie a licenza que deu o concello de Cervo ao construtor que arrasou con parte do castro da Atalaia, sabendo ambos os dous que os terreos onde se ía construír eran parte dun castro ben coñecido. Que se diga publicamente se os restos que están aparecendo na parte non destruída son de alto interese arqueolóxico e histórico. Que se confirme por parte das institucións implicadas, Concello e Patrimonio, que os restos das parcelas 2 e 3 van ser respectados no seu propio contorno. Que se garanta realmente o control arqueológico por parte da D.X. de Patrimonio e se contrasten os informes remitidos por parte da empresa construtora coa realidade dos feitos acontecidos. Que a fiscalía actúe xa para atallar máis destrucción.
Estas foron as conclusións da exposición que Manuel Miranda e mais o noso presidente e vicepresidente, ofreceron o día 29 de abril ante un público asustado polo que estaba a contemplar nas fotografías que se lles poñían. LugoPatrimonio seguirá a batallar para que O CASTRO DA ATALIA SE SALVE DAS PAS, DA ESPECULACIÓN URBANÍSTICA E DA INCOMPETENCIA.
Podedes ver o video do que fala a imaxe pinchando aqui ou no video que aparece abaixo
(Lugo, 1961)
Artesán ; a súa produción céntrase fundamentalmente na realización de pezas relacionadas co patrimonio cultural galego: reproducións de cerámica campaniforme, castrexa e romana así coma reproducións arqueolóxicas en bronce. Tamén fai maquetas representativas da nosa arquitectura tradicional.
As súas pezas atópanse en diferentes museos de Galiza e nas tendas de artesanía.
Colaborou na creación do Museo etnográfico de A Fonsagrada de cuxa directiva forma parte na actualidade.
1. OS RITOS FESTIVOS NO SEU ÁMBITO XEOGRÁFICO
Este Proxecto recolle as agrupacións e colectivos culturais que manteñen vivos os ritos festivos das Fachas de Castelo (Taboada), Danzas da Cervela (O Incio), Entroido de Salcedo, coa figura do Oso (A Pobra do Brollón), e Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba, Nogueira e zona de influencia - Chantada), e calquera outra que, coas mesmas ou semellantes características culturais e etnográficas, poidan entrar dentro do mesmo.
Os espazos xeográficos onde se desenvolven teñen en común, ademais da súa propia, as seguintes características:
2. FINS DESTE PROXECTO
Partindo das singulares e interesantes características que se dan nos mencionados ritos festivos, os fins consisten en poñer en valor e potenciar que a festa non se pare e que, arredor dela, se potencie dun xeito efectivo non só a festa en si, coas características culturais e etnográficas que contén, senón unha planificación económica que desenvolva dun xeito real as potencialidades que ofrece e fixe xente nova na zona rural. Pensemos en que estas características festivo-culturais e patrimoniais que se dan nos puntos xeográficos indicados, non se repiten en nengunha outra parte da nosa provincia.
O traballo, portanto, focarase nos seguintes aspectos:
3. NECESIDADES INMEDIATAS DE CADA UNHA DAS FESTA E ACTIVIDADES
Entroido de Salcedo
Entroido Ribeirao
Danzas da Cervela.
Fachas de Castelo
4. O PAPEL DAS INSTITUCIÓNS.
É ben claro que a situación de cada un destes ritos festivos e das asociacións que os potencian non é óptima, dados os problemas de despoboamento, falta de xente nova e necesidades económicas e de infraestrutura. O milagre é que, a pesar disto, sigan en pé os actos anuais. Como bens propios nosos que cumpren características singulares e mesmo de raíz nacional, compételle á Administración a súa potenciación, pois a desaparición significaría tamén o final dos aspectos culturais máis profundos que nos definen como galegos e galegas.
Cremos con convicción que co proxecto que presentamos atenderíamos tamén a resolver problemas socioeconómicos que se dan hoxe no noso agro (neste sentido de conservación dos rituais festivos, máis dinámico que a acción urbana, normalmente pasiva) e que, en poucos anos, dinamizaría non só a nosa cultura senón tamén certo desenvolvemento económico e turístico e a proxección estatal e internacional.
As distintas consellarías, dentro da súa competencia e en traballo coordenado, poden asumir sen grandes problemas os custos necesarios para poñer en acción de futuro estes ritos festivos. E axudar de xeito real a que non sigamos a desaparecer. Futuro e vida, polo tanto. E nelas confiamos.
Lugo, 25 de abril do 2008
O Presidente de LugoPatrimonio
O Presidente da Agrupación cultural As Fachas, de Castelo
O Presidente da Asociación de veciños de Salcedo
O Presidente da Asociación xuvenil e cultural Os Turulecas - A Cervela.
O Presidente da asociación Amigos do Entroido Ribeirao.
(Lugo,1.958)
Licenciado en Humanidades pola Universidade de Santiago de Compostela. Preside e dirixe o Colectivo Cultural María Castaña de Lugo.
Iniciase no baile galego no ano 1975 na Agrupación Cantigas e Flores de Lugo.
Membro fundador e Presidente da Asociación de Profesores de Baile Tradicional Galego e membro fundador da Agrupación Folclórico Cultural Reviravolta.
Entre a súa ampla obra destaca o Vídeo Libro, Método de baile galego I (iniciación) editado por Ophiusa en 1995 (en colaboración), A etnografía e o folclore galego na educación artística (2004).
Distinta e moi activa resultou a conferencia que Isidoro Rodríguez, etnógrafo, bailarín, Presidente do colectivo María Castaña…, dictou o día 21 de abril para LugoPatrimonio. O comezo foi alegre, pois dúas mulleres de María Castaña e tamén de LugoPatrimonio, presentárono ante o público relatando a súa biografía nunhas enxeñosas coplas ao estilo dos Maios,. El foinos situando na historia que conformou este rito da primavera, con fotografías de diversas épocas que hoxe son unha xoia. Rematou a conferencia con música e o canto colectivo dos e das presentes doutra copla de Lugo, axudados tamén cuns paus que marcaban o ritmo.
A segunda parte deste acto terémola o próximo día 10 de maio, sábado, pois partiremos ás 11 h. do Instituto Lucus Augusti para recoller no monte xestas, fiúnchos e flores coas que confeccionaremos os Maios pola tarde, na Praza Maior. Quen queira participar pode chamar ao tfne. 676 80 02 27 até o día 29 de abril. Só se lle pide que ese día leve un bocadillo para comer no monte.
Manuel Miranda e Víctor Mosquera representaron os viciños que na mañá do 15 de abril presentaron 326 sinaturas na delegación de Cultura da Xunta pedindo a paralización da destrución do castro da Atalaia –San Cibrao- Cervo.
Despois, co Presidente e Vicepresidente de LugoPatrimonio e mais Daniel Bispo (Adega) fixeron unha rolda de prensa para falar dos feitos que levaron á destrución total da parcela Nº 1 por parte do empresario que quere construír sobre o castro da Atalaia con licenza concedida polo concello de Cervo, a pesar de COÑECER que aquilo era un castro e tiña que estar protexido.
Quedan, agora, as parcelas Nº 2 e Nº 3. LugoPatrimonio e os presentes na rolda de prensa, e mentres a xustiza non determina as responsabilidades penais que o Fiscal ten sobre a mesa, insistiron nos seguintes obxectivos que veñen ser o programa inmediato sobre o que traballan:
Para levar a cabo estes puntos pedimos
A REUNIÓN INMEDIATA DE REPRESENTANTES DO CONCELLO DE CERVO, DIRECCIÓN XERAL DE PATRIMONIO, EMPRESA CONSTRUTORA, VECIÑOS DE SAN CIBRAO, ADEGA E LUGOPATRIMONIO
Máis fotos:
Un paseo polos actos celebrados na segunda e última parte celebrada os días 4, 5 e 6 de abril
O historiador Adolfo de Abel Vilela introduciunos na forma de vivir a festa e outros costumes durante os séculos XVII e XVIII. Completou, por tanto, a conferencia anterior dictada polo profesor Carlos Velasco referida máis aos aspectos políticos, económicos e socio-culturais dese período histórico.
O restaurador César Carnero incidiu na primeira parte da súa intervención, nos aspectos teóricos que definen a pintura e escultura barrocas galegas. Na segunda, mediante proxeccións fotográficas, fixou dunha forma didáctica o teorizado anteriormente. Para isto valeuse de exemplos recollidos de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela), San Vicente do Pino e A Régoa (Monforte de Lemos), igrexa do mosteiro de Samos, e outros lugares da nosa xeografía.
Para concretar o estudado como teoría do barroco galego nas distintas conferencias, os alumnos e alumnas do Obradoiro visitaron durante a tarde do sábado 5 de abril a sancristía, pinturas e altares da igrexa de santo Domingo, os altares da igrexa da Soidade, e a sancristía, claustro, coro e capela da Virxe dos Ollos Grandes da catedral de Lugo. Resultou novidoso para a maioría dos e das participantes, contemplar por primeira vez o impactante decorado da cúpula da sacristía de Santo Domingo. Guiaron as visitas o arquitecto X. A. Carreira, o historiador Adolfo de Abel e Xulia Cantalapiedra, licenciada en Xeografía e Historia.
O domingo, día 6, os alumnos e alumnas convertéronse en viaxeiros polas terras de Lemos e Sarria para estudar as pinturas da igrexa de San Vicente en Monforte, a arquitectura e estancias do pazo de Tor e a grandiosidade do mosteiro de Samos e a súa igrexa para contemplar obras destacadas dos nosos grandes escultores como Francisco Moure ou Xosé Ferreiro. Guiaron as visitas o restaurador César Carnero e o prior de Samos, Rvdo. D. José Luís Vélez. Este Obradoiro que reuniu arredor de 200 persoas foi clausurado polo noso Presidente, Lois Diéguez e o emocionado e didáctico concerto sobre a música do barroco do grupo vocal SOLO VOCES que, a pesar do frío, tivo que agasallar ao público que enchía completamente a igrexa coa propina de novas composicións.
O próximo venres, día 4, comeza a última parte do obradoiro "COÑECER O BARROCO" con dúas interesantes conferencias:
- A festa Barroca, conferencia do historiador Adolfo de Abel Vilela, ás 19:00 h.
-Escultura e Pintura do Barroco galego, conferencia do Restaurador César Carnero, ás 20:00h.
O sábado, día 5, visitaremos a catedral de Lugo e outros lugares da cidade.
O domingo finalizará o obradoiro cunha viaxe a Monforte e Samos, onde se realizará a clausura do Obradoiro cun concerto sobre o Contorno da Música Barroca polo grupo Solo Voces.
O venres, día 11 de abril, directivos da nosa asociación reuníronse coas que levan adiante o Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada), Entroido e Oso de Salcedo (A Pobra do Brollón), as Fachas de Castelo (Taboada) e as Danzas da Cervela (O Incio), para debater un ambicioso proxecto de consolidación dos ritos e festas que cada ano protagonizan a súa intensa actividade. Este ambicioso Proxecto abrangue diversos aspectos relacionados coa catalogación do patrimonio inmaterial e material de cada un destes puntos e do seu contorno co obxecto de dalo a coñecer para que podamos gozar del. Crear centros de interpretación, locais sociais convenientemente equipados, recuperación e rehabilitación de edificios de interese, mellora das infraestruturas, adecentamento dos lugares e aldeas onde se representan as festas, un circuíto turístico e cultural que sirva para potenciar estes lugares de xeito que se relacione tamén co comercio e a hostalaría, e unha escola permanente onde se ensine durante o ano ás xeracións novas todo o que ten a ver con ditos ritos.
Os proxectos serán presentados proximamente ás distintas consellarías, deputación e outras institucións relacionadas cos aspectos estudados. A reunión serviu tamén para intercambiar unha longa experiencia de traballo, quedando en repetir periodicamente este tipo de encontro e traballar conxuntamente para a consecución destes obxectivos.
Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.